Memoria
Trátase dun proxecto de rehabilitación dunha edificación cun volume puro de granito e planta rectangular, construída a principios do século pasado, situada nunha contorna rural acompañada de edificacións auxiliares e unha gran extensión de terreo dedicado a froiteiros e viñas.
O proxecto parte das preexistencias herdadas e responde á necesidade de rehabilitar unha edificación destinada en planta baixa a cuadras e adega e en planta primeira a vivenda, resolvendo os requisitos construtivos, estruturais e de habitabilidade necesarios, que no momento da actuación eran totalmente deficitarios ou estaban obsoletos, dándolle un aire actual.
O noso cliente quería unha vivenda funcional, con moita luz e con toques de contemporaneidade. Organízase en tres niveles: planta baixa para cuartos de invitados e instalacións, planta primeira destinada a zona de día, e planta baixo cuberta onde se atopa o dormitorio principal con baño e vestidor.