Memoria
Trátase dun edificio dun só corpo encostado á casa de labranza semiderruida existente construída nos anos 60. Só permanecen en pé algunhas paredes e non na súa totalidade, por este feito resólvese a cuberta a unha soa auga, coa idea dun futuro rehabilitar a casa semiderruida e formar, entre as dúas construcións, un só conxunto arquitectónico que harmonice coa contorna circundante.
De planta rectangular ten unhas medidas de 7,30 x 11,00 m2 e cunha altura na fachada exterior de 3,50 m chegando a 5 m no muro medianeiro, estas proporcións fan que no futuro poida establecer un diálogo á perfección co edificio medianeiro, xa que ambos teñen uns volumes similares.
Interiormente diferéncianse dous espazos, o situado ao fondo, que albergará os depósitos de viño e no que as condicións térmicas e de humidade han de manterse o máis constante posibles, e o situado diante deste no que se gardan as máquinas de traballo de despalillado e prensa da uva, que só se usará na época da vendima, actividade que por indicacións do consello regulador ha de ser realizada no exterior do edificio. Dentro deste segundo espazo sitúase ademais outras estancias auxiliares, como o baño e unha zona para realizar o embotellado do viño.