Memoria
Na actualidade, a rúa Casal Aboy soporta usos moi variados e cunha alta carga ou capacidade, o que lle confire un espazo moi activo e no que conflúen e circulan moitas persoas ó longo do día. É unha das rúas que conta con máis locais comerciais, terrazas de cafeterías e espazos de servizos en función da súa superficie, ao que se sumou recentemente o novo Centro de Saúde, con acceso ao servizo de urxencias a través da mesma. O espazo para o peón e moi escaso, con beirarrúas de anchos moi reducidos e que, ademais, contan con elementos de sinalización e mobiliario urbano. Polo que se producen estreitamentos que en ocasións impiden o axeitado tránsito dos cidadáns polo espazo público.
Á vista da problemática da rúa preséntase este anteproxecto en aras de mellorar as súas condicións e imaxe. O vehículo motorizado queda nun segundo plano e as persoas pasan a ser as grandes protagonistas dunha nova forma de actuar no espazo público. Dito doutro xeito, a finalidade é transformar a rúa para vehículos nunha praza alongada para persoas. Este novo modo de intervir no espazo público debería ser a primeira de moitas outras pequenas, e non tan pequenas, intervencións a realizar na cidade para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes.
A partir do exposto no parágrafo anterior, os obxectivos fundamentais do proxecto son os seguintes:
- Crear un novo perfil para a rúa mantendo a beirarrúa do Centro de saúde recentemente construída, seguido dunha zona de aparcamentos en liña, dunha vía para vehículos de 3,25 m e dunha ampla zona peonil do lado oposto onde se sitúan a maioría dos comercios.
- Apostar polo peón como centro e protagonista fronte ao vehículo adquirindo novos hábitos á hora de utilizar o espazo público.
- Xerar espazos de oportunidade cun ambiente amable para o peón a través de bancos, pérgolas e elementos vexetais. O feito de introducir elementos verdes axuda ao troco da imaxe actual da rúa, abrandando o seu aspecto, axudando ao xusto equilibrio de escala da proposta e aportando ademais os beneficios intrínsecos aos propios elementos vexetais, como elementos amortiguadores do clima, de tamizado visual e que ofrecen sombra, aos efectos de potenciar o máximo disfrute da rúa dende a máxima sostibilidade ao longo das diferentes épocas do ano. A vexetación axuda a mudar a imaxe da rúa, segundo a estación na que esta se atope, de feito que contribúa a un resultado visual mutante e variado, aportando así unha gran riqueza paisaxística e ambiental. A maiores, estas zonas verdes axudarán a resolver parcialmente a recollida de augas pluviais.
- Conquerir unha intervención plenamente accesible e non discriminatoria para as persoas con discapacidade, eliminando as barreiras arquitectónicas.
- Incorporar ao espazo público obras de artistas, preferiblemente tudenses, como esculturas, fontes ou calquera elemento artístico para crear puntos de referencia con identidade propia e que, ademais, contribúan a difundir a cultura local.