Memoria
Presentamos unha proposta de reforma integral para o Mercado Municipal de Tui e a súa contorna.
A actual construción está sobredimensionada para o seu uso e totalmente illada do que sucede no exterior.
Con esta proposta pretendemos reverter estes feitos para abrir o mercado á súa contorna máis próxima, convertelo nun punto de encontro social e nun espazo de oportunidade. Para iso recuperamos o espazo público en contacto coa rúa O Pilar e demolemos un terzo do actual edificio (mantendo a súa cuberta) para crear unha praza con zonas verdes abertas pero en parte cubertas como antesala ao acceso ao seu interior.
Xa no interior do mercado pódense distinguir dúas zonas que poden ser usadas de maneira independente: na primeira atópase a cafetería, un quiosco ou outros postos que necesiten uns horarios máis flexibles; e a segunda consiste nun amplo espazo distribuído ao redor de tres illas (froitas e verduras, peixes e carnes) que acolle o uso propio dun mercado.
Creamos tamén unha nova fachada para facela máis transparente para as dúas rúas máis transitadas e, cunhas liñas continuas e sutís, darlle un aspecto máis contemporáneo.