RESTAURACIÓN DO PALCO DA MÚSICA | TUI

En decembro de 2018, 121 anos despois da súa construción e logo dunha rehabilitación integral, reinaugurábase o palco da música de Tui co concerto do trompetista Manuel Madarnás, acompañado por un fantástico grupo de músicos formado por Tiago Filipe Rasinhas, Diego Núñez, Eloy Carreira, Bryan Pérez, Ángel Cánfora, Sandra Pérez e Samuel Solla.

Rescatouse o seu aspecto primitivo, conservando no posible os elementos orixinais, reparando os que estaban afectados por algunha patoloxía e substituíndo os que foron necesarios por outros de igual deseño que os primitivos. Elimináronse engadidos ou transformacións realizadas que desvirtuaban a imaxe orixinal, garantindo a súa durabilidade e recuperouse a cor branca en ton perla coa que se pintou inicialmente no século XIX.

A construción do palco de música de Tui data do ano 1897, momento no que a instalación destes elementos de mobiliario conformaban e definían verdadeiros espazos urbanos para o goce dos cidadáns. Foron fitos escultóricos que coa súa implantación, sempre de maneira estratéxica en lugares de lecer e recreo, constituían unha clara función social, mesmo de democratización das artes.

Hoxe en día perderon ese carácter social, ben polo desuso, a falta de mantemento ou simplemente porque cambiou a maneira de representar ou reproducir o momento de entretemento musical. Aínda con isto, os palcos da música consérvanse na maioría das parroquias e entidades urbanas como símbolo ou testemuña da festa patronal, mantendo o carácter de pezas configuradoras e delimitadoras do espazo público.

Coa recuperación destes elementos bríndase a oportunidade de reestablecer os usos que lle son propios, dotando así á rúa da función que lle é propia: espazo dinamizador e de cohesión social.

Arquitecto

Rubén Martín Vázquez Pérez

Arquitecto técnico:

Fernando Vicente Solla

Coordinador S+S

Ángel Soliño Rodríguez

Fotografía/Vídeo

Alexandre Pérez Souto

Equipo redactor

Rubén Martín Vázquez Pérez
María Lorena Teixeira Lago
Ángel Soliño Rodríguez
Rosa Mouriño Pérez
Alexandre Pérez Souto
Bianca Fernández Díaz

Data
Categoría
Restauración