Memoria
Arraial: campamento militar. Establecerse, quedar nun lugar.
O castro de Arraial, nun núcleo tan singular como o de San Bartolomé (Tui), dá lugar a un topónimo que dota de identidade e carácter ao lugar.
Neste caso trátase dun cambio de uso dun inmoble: de vivenda unifamiliar a restaurante, o coñecido como “Arrayal 39”. A edificación xa fora rehabilitada anos atrás pola propiedade. Contaba cun programa característico onde a cociña, e o lume en concreto, era o centro da casa e ao redor da que se organizaban as demais dependencias. Tratábase dunha vivenda íntima e privada que tiña unha vinculación moi estreita co xardín traseiro, no que se desenvolvían os labores cotiáns dunha familia.
Coa actividade pretendida pola propiedade, e tras sucesivas reunións de traballo, onde escoitamos as necesidades dos nosos clientes, transformouse nun uso público. Un establecemento que ademais de ter que adaptarse a unha normativa técnica tivo que transformar os espazos para, aínda sendo de uso público, manter o carácter íntimo e familiar con que contaba a casa. Non só se traballou nesta, o xardín cos seus alpendres e vexetación existentes, foron un elemento máis á hora de proxectar. Deseñáronse os espazos exteriores: distintos pavimentos duros, brandos, mobiliario, iluminación, accesos, cores, cheiros e demais mecanismos como o escenario ou pano de fondo dos diferentes eventos que alí se celebran ao longo do ano, conseguindo un ambiente agradable e sinxelo para o goce dos seus clientes en cada unha das catro estaciones do ano.