Os obxectivos fundamentais da intervención a desenvolver neste ámbito son:
- por unha banda a mellora da accesibilidade peonil no ámbito de intervención así como remarcar a conexión entre o atrio da Igrexa e a praza do palco. Reforzar o percorrido entre estas tres áreas xerando unha praza intermedia de prioridade peonil;
- por outra a supresión de elementos que distorsionan as perspectivas e visuais do núcleo histórico tradicional.
En definitiva, búscase a creación dun espazo de calidade para os veciños de Belesar, un ámbito amable para o peón, pero que necesariamente debe convivir de maneira puntual co tráfico rodado.
Á vista da problemática analizada no estado actual do ámbito de actuación, a proposta terá como estratexia principal a conexión peonil entre o adro da Igrexa e o adro onde se sitúa o Palco das verbenas populares, recuperando o trazado dun camiño tradicional. Trátase polo tanto de recuperar a identidade do lugar, un núcleo rural histórico tradicional.
A proposta do proxecto parte do precepto fundamental de mellorar as condicións para o peón no ámbito, así como mellorar a accesibilidade ó adro da Igrexa. Con isto preténdese devolver o espazo ó peón e que este sexa o verdadeiro beneficiario da intervención. Adáptase tamén para que de maneira puntual o tráfico rodado poida acceder ao espazo da Igrexa, e sobre todo búscase unha mellora nos accesos aos portais dos garaxes das vivendas.
Por outra banda e como xa se dixo a renovación, soterrado das instalacións e a previsión de novas acometidas nos accesos ás vivendas lindeiras e con acceso no ámbito de actuación. Co soterrado das liñas de electricidade e telefonía adáptase o ámbito de actuación ás previsións das determinacións da normativa urbanística e de protección do patrimonio, nunha búsqueda das melloras visuais e paisaxísticas de todo o ámbito do núcleo rural histórico tradicional.
Ante a falta de datos no que respecta ós servizos afectados existentes, adoptouse por prever a renovación das instalacións de abastecemento e saneamento, e prever o soterrado das liñas de electricidade e telefonía, na actualidade con instalación por tendido aéreo, así como a previsión das acometidas individuais ás vivendas.